Ramón Caride (Ourense, 1957) acaba de publicar unha divertida historia sobre princesas rebeldes e músicas ventureiras, "que nos lembra que non todos os contos son exactamente como nolos contaban". "As músicas viaxeiras" (Xerais) é o título da súa última obra.
Como nace a idea deste libro?
Neste libro converxeron dous argumentos: o primeiro é a continuación dun libro meu anterior publicado tamén en Xerais, Andanzas de Xan Farrapeiro (2009) a través dunha neta dese personaxe, María Farrapeira, unha das catro músicas do libro. O segundo foi a re-visión dos contos tradicionais marabillosos, que eu actualicei en base ao punto de vista das súas protagonistas femininas, estas aparecían neles case sempre pasivas ou agardando ao seu príncipe azul nas versións máis coñecidas, unha perspectiva claramente desfasada a día de hoxe.
Hai mensaxes sobre o poder das mozas a través da música e da aventura, de saír a buscar…
Eu coido que a cantiga tradicional é un espazo de liberdade onde as mulleres expresaban a súa rebeldía e a demanda dun trato máis xusto. Tamén as súas necesidades afectivas. Neste sentido, as cantigas populares do libro, que son unha mínima escolla, falan ben ás claras. O camiño para as protagonistas da novela é claramente un territorio para a descuberta e o asombro, tamén para o perigo, o contrario dos pazos ou do servizo doméstico, espazos confinados, fogantes, dos que as protagonistas foxen.
Unha mensaxe tan necesaria nestes momentos...
Como di Chimamanda Ngozi, a escritora nixeriana: todos debemos ser feministas, os homes tamén. Porque este reparto trasnoitado de roles que padecemos condea tamén aos homes a non poderen realizar todas as súas potencialidades. Mais, evidentemente, os cambios requieren coraxe e asumir riscos, e moitos homes teñen medo a perder os seus privilexios seculares, por iso desacreditan os argumentos feministas atacando ás mulleres en vez de analizar como se comportan eles mesmos cada día.
Que é o que máis lle interesa sobre a relación da muller coa música ao longo da historia?
Interésame sobre todo a música popular, as pandeireteiras e cantigueiras, as regueifas… O cancioneiro tradicional, ou o conto oral son unha perfecta síntese para entender como era o mundo dos nosos devanceiros, que é o molde mental de onde vimos todos. Os cambios que debemos facer hoxe temos que facelos nunha sociedade concreta, non no baleiro ou na ignorancia.
Que pretende transmitir?
Varias cousas: o gusto pola aventura, a necesidade de cambiar o noso punto de vista ordinario que case sempre asumimos por rutina ou comodidade, sen pararnos a pensalo. Tamén quería facer ver que o mundo sempre foi global e toda cultura humana é un continuo trasvase de elementos físicos e mentais dun lugar a outro. Non hai culturas puras, todas son productos da mestizaxe, e isto está claro tamén nesta novela, e nas súas fontes.
Algunha anécdota que queira contar sobre o proceso creativo ou documentación.
Unha cousa curiosa é que moitas das cantigas populares, mesmo algunhas das que están neste libro, teñen un dobre sentido: parece que falan dunha cousa, cando en realidade están contando outra da que non se debería falar en público. Esta simboloxía agachada é un elemento básico do folclore das clases desfavorecidas; está no blues afro-americano, por exemplo, e en ocasións con expresións moi semellantes. O que dicía: o mundo sempre foi global, e a nosa cultura tamén.
Comentarios
Publicar un comentario