Bo día!
Encantadas de compartir con vós que esta semana comezou o Club de lectura do Grupo 1 de 6º de Educación primaria.
Na hora do recreo, ás 11:30, as rapazas e os rapaces achegáronse á biblioteca e Abadiño encargouse de repartir os libros para ler este trimestre. O libro seleccionado para este grupo de lectoras e lectores é "As músicas viaxeiras", de Ramón Caride, editado por Xerais.
Esta é a sinopse da novela, tal e como nos di a contraportada do libro:
"En tempos remotos, as princesas vivían fechadas en torres mentres agardaban a chegada de príncipes con sangue azul. As pandeireteiras, pola contra, tiñan que buscar a vida polos camiños... Con todo, nin moitas das mulleres se resignaban ao seu destino nin todas as princesas se conformaban con non poder ver o mundo cos seus propios ollos. Aínda que daquela había homes ruíns nas encrucilladas e nas tabernas, ou en pazos baixo da terra, tamén había mozas que loitaban para poderen ser elas en liberdade. Esta é unha historia que fala de princesas rebeldes e de músicas ventureiras, que nos lembra que non todos os contos son exactamente como nolos contaban."
A historia promete, non vos parece?
Así que se vos apetece ler con nós, xa sabedes: comentade o que vos pareza oportuno nos comentarios.
Comentarios
Publicar un comentario